Un saúdo para o alumnado de 6ºEP do C.E.I.P. Os Muíños e para todos os que vos acheguedes a este blog.

Son o MAR, ese mar bravo que López Abente deixou inmortalizado nos seus poemas, o mar que proporciona alimento, o que une países, o que encerra lendas e historias de batallas navais, naufraxios...

Adéntrate comigo neste mundo e percorreremos xuntos 20.000 leguas de viaxe submariña guiados polo capitán Nemo a través da obra de Julio Verne, e tamén embarcaremos no galeón Praia de Quenxe co capitán John Pelo Crecho da man de Rivadulla "Corcón" e a súa obra "Os piratas da illa da Esperanza". Asegúroche que pasarás moi bos momentos.

LINGUA GALEGA

ROBERTO VIDAL BOLAÑO

    Este é o escritor ó que se lle adican este ano as Letras Galegas.
   Queres saber algo sobre el? Preme na fotografía.


CLASES DE ORACIÓNS SEGUNDO O NÚMERO DE VERBOS


   Mario enfadouse coas súas amigas, sen embargo na saída do colexio fixeron as paces. 
 Hoxe comezamos a lectura do capítulo 15 e localizaremos oracións simples e compostas. A que se corresponde esta nova clasificación?  Pois ó número de verbos que ten unha oración. A ver se es capaz de deducilo.  E se non, preme na fotografía para averigualo.


CLASES DE ORACIÓNS SEGUNDO A VOZ DO VERBO


 "Miña nai preparoume a cea". Esta é unha oración activa. O verbo (preparou) está en voz activa e o suxeito (Miña nai) é quen realiza a acción.
   Tamén podemos transformala para que sexa pasiva. Deste xeito o verbo tería que estar en voz pasiva (verbo ser + participio do verbo conxugado) e a acción recaería sobre o suxeito.
   Preme na fotografía e atoparás máis aclaracións para distinguir os tipos de oracións.


CLASES DE ORACIÓNS


   "Puxémonos a ver todos os libros que tiña e atopamos dous que foron unha sorpresa enorme."
   Que expresan as oracións que están entre comiñas? Informan sobre algo, preguntan, expresan dúbida, asombro...? Diso imos falar hoxe.   Segundo a intención do falante as oracións poden ser enunciativas, interrogativas, exclamativas, dubitativas...

REPASANDO CONTIDOS



   Os piratas querían que tanto Xan como o Vagabundo volvesen a casa recuperados.
  Imos facer un ditado onde se recolle esta idea. Logo repasaremos contidos que entrarán no próximo exame: uso do x; por que, porque e porqué; senón e se non; predicados verbais e nominais...


PALABRAS CON -CC- E -CT-


  A dirección do hospital púxose en contacto telefónico coa familia de Xan. A súa nai falou co director para explicarlle as probas que lle ían facer ó Vagabundo.
   Fíxate nestas palabras: dirección e director. Levan os grupos -cc- e -ct-.
  Preme na fotografía e atoparás a norma ortográfica que determina cando utilizar estes grupos.



ESTRUTURA DO PREDICADO VERBAL
    Imos  analizar os predicados verbais das oracións. Aprenderemos cal é o núcleo e os complementos que pode levar. Preme aquí e atoparás un esquema e varias actividades para practicar.

USO CULTO E COLOQUIAL DA LINGUA


O Vagabundo sentiuse mal e tiveron que levalo ó hospital. Alí preguntou por Xan e soubo o do transplante. Continuade lendo este capítulo para averiguar máis cousas sobre a cura de Xan.
Por certo, fixádevos na forma de falar do Vagabundo: "...podo mandalo ao inferno cando me pete". Podemos utilizar outra expresión máis culta para decir o mesmo?


O PREDICADO


   A Xan aínda lle quedan forzas para prometer que cando saia do hospital irán liberar ó Vagabundo das mans dos malditos bucaneiros.
   Sen embargo... Xan está enfermo. Esta oración ten un verbo copulativo: estar. Hay outras oracións que están construidas con verbos predicativos, deste xeito pode haber predicados nominais e verbais.
   Se premes na fotografía averiguarás en que se diferencian.


SE NON / SENÓN


   Os rapaces foron visitar a Xan e non lle levaron bombóns, senón unha bandeira como a do debuxo. Se non lle gustaba non pasaba nada..., eles comprendían que Xan non estaba de humor.
  Comezamos outro capítulo e hoxe imos ver como se utilizan as expresións se non e senón.


POR QUE / PORQUE / PORQUÉ


   Por que os maiores están tan preocupados pola saúde de Xan? Hoxe descubrirás o porqué desa preocupación. Tal vez sexa porque non atopan solución a un grave problema.
   Fíxate nas palabras que están marcadas. Se premes na fotografía aprenderás a usar correctamente estas expresións tan parecidas.


O ANUNCIO PUBLICITARIO


    Iste é o anuncio publicitario dun medicamento. 
         A Xan faríalle falta un bastante eficaz para rematar coa súa enfermidade. 
    Despois de ler o fragmento de hoxe da lectura, vas imaxinar que descubriches ese medicamento e elaborarás un anuncio publicitario para dalo a coñecer.


SUXEITO E PREDICADO


    O cabo da Garda Civil e outra persoa máis falan co Vagabundo. Imaxinan o que lle vai pasar, que realmente resultará pouco agradable.
     Na lectura de hoxe repasaremos o sentido literal e figurado, o uso do "x", o que sabemos do suxeito e predicado e tamén inventaremos un diálogo sobre o que están a falar eses personaxes no cuartel de Corcubión.


USO DO "X"


   Como xa supoñiamos, o Vagabundo rematou no calabozo.  Sabedes quen conseguiu información del para contarlle ós rapaces?
    Continúa lendo na páxina 79 da novela e, atende ben ás palabras que levan "x".


SENTIDO LITERAL E FIGURADO


 Fíxate na fotografía, ves a xente embarcando?
  Embarcar quere dicir, neste caso, que suben a un barco para iniciar unha viaxe. Igual que fixeron os nosos amigos no galeón "Praia de Quenxe".
  Ese é o sentido literal da palabra embarcar. Queres saber cal é o sentido figurado?
Preme na fotografía e atoparás as diferencias entre ambos.

USO DO "H"


   Xan debería estar aquí, no hospital.
 Hospital é unha palabra que comeza con h. Coñeces as normas do uso do "h" ó principio de palabra?
    Entra neste hospital e veremos como anda a túa saúde ortográfica.


INDIVIDUAIS E COLECTIVOS


    A tripulación do "Praia de Quenxe" achégase ás illas Lobeiras. A palabra "illa" é un substantivo individual, porque designa un único elemento. Existe unha palabra que designa un conxunto de illas. Sabes que substantivo é? Neste caso, é colectivo xa que fai referencia a un conxunto de elementos iguais.


USO DO "V"


Os nosos amigos piratas continúan a súa viaxe polo mar, pasando fronte a Cee, Ézaro, Carnota...
Imos acompañalos facendo un ditado e localizando nel contraccións e conxuncións. Tamén buscaremos exemplos que complementen a regra de ortografía que  repasaremos hoxe.


OS ENLACES


    Os amotinados foron obrigados a subir a un bote e abandonar o barco. 
    Continuaremos lendo ata rematar o capítulo 10. No texto, localizaremos preposicións e conxuncións, indicando de que tipo son estas últimas.


ESCRIBIMOS INSTRUCCIÓNS


          A tripulación do "Praia de Quenxe" continúa no medio da tormenta. Que sucedería se no barco se abrira unha fenda producindo unha vía de auga? Cres que deberían evacuar o barco? Como poderían facelo?
   Axúdalle ós nosos piratas a redactar unhas normas de evacuación en caso de perigo.


HOMÓNIMOS E PARÓNIMOS


  "De súpeto levantouse unha tormenta enorme..."
          Aínda non rematou a loita entre os piratas e os traidores e para complicar a situación unhas temibles ondas ameazan con afundir o barco.
          Pon atención na lectura de hoxe e cando vexas as palabras "fóra" e "acabar" rodéaas co lapis. Con elas lembraremos o que son palabras homónimas e parónimas. Recorda que estes termos xa os utilizamos en Castelá.



OS ADVERBIOS


    John Silver amotinouse con outros traidores e tentou facerse co mapa do tesouro. Na cuberta do barco organizouse unha trifulca...
    No texto que leremos a continuación hai moitos adverbios. Lembras o que son? Xa os estudamos o curso pasado. Imos repasalos e aprenderemos que poden funcionar de complemento doutras palabras.
    Preme na fotografía e atoparás un resumo e varias actividades.



CAMPO SEMÁNTICO


    "O mapa non era un segredo..." Así comeza a lectura de hoxe. Nela, ademais de narrar o comezo da aventura dos nosos piratas, imos atopar varias palabras que pertencen ó mesmo campo semántico: mariños, bucaneiros e contramestre.
       Clica no mapa e averiguarás o que é un campo semántico.


VERBOS REGULARES E IRREGULARES


   A tripulación do "Praia de Quenxe" tiña tanta fame, que si unha balea chegase a atacalos, non podería comelos porque serían os rapaces quen acabarían comendo á balea.
   Imos comezar a lectura do capítulo 10.  Copiaremos un esquema para aprender a diferenciar os verbos regulares dos irregulares e poñeremos varios exemplos.


PARTES DUNHA NARRACIÓN


 O "Praia de Quenxe" zarpou coa súa tripulación a bordo afastándose cada vez máis da costa. Hoxe remataremos a lectura do capítulo 9.
  Nesa lectura deberás localizar as partes da narración (que tamén explicaremos): presentación, nó ou trama e desenlace.
  Preme na fotografía para ver o traballo.


O "PRAIA DE QUENXE"


    Todos os rapaces, xunto co Vagabundo van na procura de Xan para comezar unha aventura: surcarán todos os mares nun galeón...
    Le atentamente o fragmento de hoxe. Traballaremos a comprensión. Pensa, razona e ordena as túas ideas antes de contestar as preguntas.


TEMPOS DO SUBXUNTIVO E IMPERATIVO


    Como o Vagabundo non lles fixo caso ós rapaces, Mario enfadouse moito e... xa veredes o que fixo.
    Continuemos lendo a novela. Hoxe estudaremos os tempos do subxuntivo e imperativo e faremos un ditado.


USO DO "B"


   O Vagabundo estaba tan apesarado pola enfermidade de Xan que decidiu afogar a súa tristura en alcol. Que opinas ti ó respecto?

   Imos ler outro fragmento da novela para saber que lle pasou exactamente ó Vagabundo. 
   Tamén lembraremos as palabras que se escriben con "b" e poñeremos varios exemplos da lectura.
   Preme na fotografía para continuar.


ANALIZAMOS VERBOS


   Os pequenos piratas foron visitar ó seu capitán ó hospital...
Como o atoparían?
         Comecemos a lectura do capítulo 9 e ademais de resumilo brevemente, analizaremos algúns verbos e conxugaremos un verbo da 2º conxugación en todos os tempos do indicativo.


TEMPOS VERBAIS DO INDICATIVO


  Todos os rapaces quedaron tristes despois de que Xan se fora na ambulancia para o hospital. Pero non só estaban tristes os rapaces... Imos rematar de ler o capítulo 8 da novela.
  Logo presta moita atención porque terás que localizar os verbos dunhas oracións da lectura e analizalos.
   Preme na fotografía e tamén poderás repasar os tempos verbais do indicativo.


EDUCACIÓN VIAL


   Xan vai camiño do hospital de Cee nunha ambulancia. Que lle poido pasar? Por que terá que ir en ambulancia? Que características ten este vehículo que o fai diferente? Ten algún tipo de preferencia á hora de circular por unha estrada?
  Hoxe trataremos estas cuestións. Comezaremos por ler o capítulo 8 da novela, logo faremos unhas actividades que atoparás premendo na fotografía.


SELECCIONAMOS INFORMACIÓN


    Hoxe imos rematar a lectura do capítulo 7. Agora saberás cal é a enfermidade que padece Xan. Investigaremos sobre ela. Tentaremos definila do xeito máis sinxelo posible, e buscaremos cales son os seus síntomas e o tratamento que precisa.


PERSOA, NÚMERO, TEMPO E MODO DOS VERBOS


  Luísa estaba moi triste e ás veces choraba pola enfermidade de Xan. 
   Nós, para non entristecernos, imos ocupar o tempo en analizar verbos indicando cal é a súa persoa, número, tempo e modo.



FORMAS NON PERSOAIS DOS VERBOS


     Xan comezou a adelgazar. Estivo varios meses sen saír da casa. Os seus pais estaban moi preocupados. 
     Estiveches enfermo algunha vez? Como te encontras cando estás enfermo? Que debes facer en caso de caer enfermo?
      Imos continuar lendo outro anaco de novela e, ademais de localizar nela infinitivos, xerundios e participios, falaremos sobre os síntomas dalgunhas enfermidades máis comúns e do que debemos facer se aparecen eses síntomas.


EUFEMISMOS E PALABRAS TABÚ


     Un vagabundo é unha persoa "sen teito", que non ten onde vivir. Aínda que hai moitos sinónimos para expresar o significado desta palabra, non é o mesmo decilo dun xeito que de outro. Unhas expresións resultan máis ofensivas ou menos elegantes ca outras. En iso se diferencian as palabras tabú dos eufemismos.
     Preme na fotografía e aprenderás a diferenciar unhas doutras.



DEITADO FRENTE AO MAR


   Este é o título dun poema de Celso Emilio Ferreiro. Imos traballar sobre el. Preme aquí para lelo.

     Se premes na fotografía atoparás unha páxina na que podes obter información sobre este poeta galego.

PALABRAS ONOMATOPÉICAS




     Aínda que non podes escoitala, sabes que está facendo esta galiña?
  Efectivamente, está cacarexando. Agora vas averiguar que fai aquí esta galiña. Foi unha ocurrencia de Xan, do capitán Pelo Crecho. 
          Imos ler o comezo do capítulo 7, botaremos unhas risas e aprenderemos o que son as palabras onomatopéicas.


PREPARANDO O SEGUNDO EXAME


     Sabes que tesouro van buscar os piratas co libro? Le atentamente as páxinas 41 e 42 para averigualo. Descubrirás aquí unha nova forma de pasar o tempo de lecer cos teus compañeiros.
     E non imos esquecer o exame que se aproxima. Repasaremos numerais, indefinidos, verbos...
     Introdúcete no xogo destes piratas e... a traballar!


A LÍRICA


  "Xogabamos polo monte a espadazos, uns contra outros."
     A Illa do tesouro era o libro que os inspiraba para este xogo. Sen embargo, o Vagabundo prefería outro tipo de lectura, gustáballe moito a poesía.
  Preme na fotografía e poderás aprender como se chama o conxunto de obras escritas en verso e os temas que adoitan tratar.



LECTURAS DO CLUB


      Esta é a portada dun dos libros preferidos do Vagabundo. Na lectura de hoxe averiguarás cales son as obras literarias que máis lle gustan a el e ós cinco piratas.
    Ollo coa lectura!! Terás que localizar algunhas palabras que levan til diacrítico. Ademais, poderás contarnos  se prefires as obras poéticas ou narrativas.
            Entra no libro "De catro a catro" e busca a tarefa.



CONXUGACIÓNS VERBAIS


     Os nosos piratas xa remataron de ler "A Illa do Tesouro", e o seu Club de Lectura "Pedra dos Corvos" sigue reuníndose na casa do Vagabundo.
   Comecemos a ler o capítulo 5 para seguir descubrindo novos aspectos da vida do Vagabundo. Logo faremos un ditado e clasificaremos algúns verbos da lectura segundo a conxugación á que pertenzan.
     Únete ó Club de Lectura dos piratas e... mans á obra!


RAÍZ E DESINENCIAS DOS VERBOS


      Este é o libro que atoparon sobre a parediña de pedras. Esta novela foi a desculpa para entablar unha conversa entre o Vagabundo e os rapaces:

      -Así que viñestes facerme unha visita. Estouvos moi agradecido.

      Saberías localizar os verbos destas frases? E separar a raíz das desinencias?
      Imos intentalo. Abre "A Illa do Tesouro" e atoparás un pequeno resumo coa información que precisas para estudar e facer as actividades.



BUSCAMOS INFORMACIÓN


     Hai uns días lemos que o pai de Lola e Luisa pasárao moi mal cando se afundiu o Prestige. El era percebeiro e tivo que deixar a súa profesión cando as pedras do mar tiñan o aspecto que vedes na fotografía.
     O vindeiro martes cúmprense 10 anos desta catástrofe. Vós erades moi pequenos... Queredes saber como sucedeu todo?  Comezaremos por ver un vídeo e ir tomando nota do que nos pareza máis interesante. Logo abriremos unha rolda de intervencións para compartir o que xa sabemos, tal vez porque oimos falar deste tema na casa, porque vimos algunhas fotografías...Finalmente preguntarémoslle ós nosos pais como viviron aquel acontecemento. E cando estea todo rematado... xa falaremos!!


RAZONANDO...


     "Un día que o vimos pescando na punta do espigón, onde con algo de sorte se matan moitas luras..."
     Que farían os rapaces mentras o Vagabundo pescaba? Estará ben ou mal?
     Continuemos lendo a novela e no texto de hoxe daremos as nosas razóns para explicar se o comportamento dos nenos foi axeitado ou non.   Ademais, fixarémonos en dúas palabras que se escriben igual pero teñen distintos significados.
     Preme na fotografía e atoparás as actividades.


ACENTUACIÓN DIACRÍTICA


  "...colocaba as súas figuriñas no peitoril e cando a xente saía do santuario vendíaas; eran a súa única fonte de ingresos."
     Hoxe comezaremos a ler o capítulo 4 da novela. Fíxate neste parágrafo. Aparece a palabra "a". Que clase de palabra é? E se lle poñemos til: á, continúa sendo a mesma palabra?
     Para diferenciar palabras que se escriben igual pero teñen distinto significado utilizamos a acentuación diacrítica. 
      Preme na fotografía para saber algo máis sobre ela.


ACENTUACIÓN DE HIATOS


     Hoxe comezamos a lectura do capítulo 3: "O piloto do galeón praia de Quenxe". Nel, averiguaremos como chegou o Vagabundo a Muxía e cales son os seus rasgos físicos e de personalidade máis característicos.
     Por certo, sabías que a palabra galeón ten un hiato? E sabes por que leva til? Preme na fotografía para coñecer as normas de acentuación dos hiatos.




PREPARANDO O SAMAÍN


      Seguro que os piratas da illa da Esperanza, no seu club de lectura, falaron algunha vez sobre morcegos e historias de medo.       Dentro dunha semana celebraremos o Samaín, e deberemos facer un pin para colocalo na chaqueta. 
     Ese pin terá forma de morcego. Sabes o que é un morcego? Imos investigar sobre estes animais mentres repasamos a silueta e recortamos o noso morcego. 
      Clicando na fotografía, atoparás información sobre os morcegos. Selecciona a que creas máis importante e redacta un texto con ela.


E TI... QUE OPINAS?


     Os nosos pequenos piratas teñen un club de lectura chamado "Pedra dos Corvos"
   Sabes onde estaba esta pedra? Agora xa non existe, no seu lugar construiuse o porto deportivo da fotografía. 
   Cal é a túa opinión ó respecto? Tanto se estás a favor coma en contra, deberás dar unha resposta razoada. Tamén deberás respectar a opinión dos teus compañeiros. Todos non temos por que pensar igual.
     Premendo na fotografía atoparás outras actividades para repasar os tipos de determinantes que estudamos ata agora.


POSESIVOS



     Este é un barco mercante parecido ó Mundaka-Portua, no que está embarcado o pai de Mario. Hoxe imos coñecer máis detalles sobre a vida destes pequenos piratas: quen son seus pais e a que se dedican, como pasan os rapaces o seu tempo libre... Tamén aproveitaremos a lectura para localizar posesivos e analizalos
     Embárcate neste mercante e busca o traballo.


CONTRACCIÓNS DOS DEMOSTRATIVOS COAS PREPOSICIÓNS


    Mario comeza a contarnos cando empezou aquela aventura dos piratas. Fíxate ben porque imos localizar unha contracción dunha preposición cun demostrativo que aparece repetida. Ademais, completaremos un cadro con todas as contraccións que podemos utilizar.
    Embárcate neste galeón e busca a información que precisas.



NORMAS DE ACENTUACIÓN


     Lembras cando debiamos colocar til nas palabras agudas, graves e esdrúxulas?
     Se premes na fotografía poderás completar unhas frases que che axudarán a recordalo. Logo atoparás unhas actividades relacionadas coa lectura do capítulo 1 da novela nas que deberás localizar palabras agudas e esdrúxulas que leven til e outras graves que non leven til.



XÉNEROS LITERARIOS


    Según as súas características, os textos literarios poden clasificarse en narrativos, poéticos e teatrais.
    Saberías clasificar nalgún destes grupos a obra que estamos lendo, "Os piratas da illa da Esperanza"?
Preme na fotografía para saber máis sobre este tema.



O GRUPO NOMINAL




    "Esas prezadas moedas" é un grupo nominal que aparece na lectura de hoxe. Imos analizalo. Diremos que función desempeña cada unha das palabras que o forma. Preme no cofre das moedas e atoparás actividades para traballar cos grupos nominais.



PALABRAS PRIMITIVAS E DERIVADAS


    Esta é parte da tripulación do galeón Praia de Quenxe. Sabes o que significa "tripulación"? É unha palabra primitiva ou derivada?
    Hoxe aprenderemos a diferenciar estes tipos de palabras. Preme na fotografía e atoparás actividades que che axudarán a afianzar estes conceptos.






LEMOS E COMPRENDEMOS



   O Vagabundo, Lisa, Uxía, Lo, Mario e o seu capitán John Pelo Crecho xa están navegando rumbo á illa da Esperanza. Embárcate con eles no galeón Praia de Quenxe e acompáñaos nesta aventura. 
   Preme na fotografía. Hoxe leremos un fragmento da novela, faremos un ditado e traballaremos a comprensión.






AVALIACIÓN INICIAL

   Recordas algunha película que viras ultimamente que chamara a túa atención? Fálanos dela.   Cóntanos o seu argumento, o que máis e o que menos che gustou e danos a túa valoración global. Para facer esta actividade poderás escribir un pequeno esquema completando unha ficha como a que atoparás se premes na fotografía da esquerda.   Ademais, comentaremos outro tipo de experiencias e daremos a nosa opinión sobre temas que nos interesen. Tamén poñeremos a proba a nosa capacidade lectora para ver se somos capaces de ler un trabalinguas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario